sábado, 17 de abril de 2021

Lixo non!

Este xoves saímos colocar os carteis que preparamos para concienciar contra o lixo en Campo Maneiro. 












E tamén recollemos lixo👌


Rematamos "Quererse ben"

 Esta semana tivemos a segunda e última sesión do obradoiro "Quererse ben" impartido por Natalia Guedellas. Continuamos coñecendo mellor os nosos corpos e os nosos sentimentos e aprendendo a aceptarnos e a querernos para poder aceptar e querer aos demais. 

Grazas, Natalia! Foron dúas mañás moi interesantes e nas que aprendemos un  montón.





martes, 13 de abril de 2021

As mulleres facemos de todo

Comezamos a traballar coas entrevistas que se fixeron no cole ao longo do mes marzo "As mulleres facemos de todo" Escoitamos as entrevistas e baleiramos a información por medio dunha ficha, despois tocará investigar e aprender, porque estas todas estas mulleres teñen moito que contarnos e ensinarnos. 
 

domingo, 11 de abril de 2021

Queremos un monte limpo!

 Chegounos información de que os arredores das parcelas das cabuxas estaban empezando a ter moito lixo, fundamentalmente, restos das merendas das persoas que veñen visitar ás cabuxas e a Michel. Empezamos por non dar creto 😲, fómonos enfadando 😠  e, para non chegar a máis, animámonos a facer carteis que se poñerán nesas zonas, a ver se só foi un despiste e a xente entra en razón. 😏

xoves, 8 de abril de 2021

Quererse ben

Este mércores tivemos a primeira sesión do obradoiro de Educación afectiva e sexualidade: Quererse ben.O obradoiro está a ser impartido por Natalia Guedella, psicóloga especialista en intervención psicoeducativa. Foron máis de dúas horas falando e compartindo ideas, reflexións e dúbidas sobre os afectos, a imaxe que temos de nós mesmos/as e dos demais, sexualidade, o que nos fai sentir ben... Máis de dúas horas que nos pasaron voando e nos deixaron con ganas de continuar afondando a semana que vén. Grazas, Natalia! 😃

martes, 6 de abril de 2021

Que ritmo!

Xa sexa de pé, sentados/as, bailando, tocando ou facendo percusión co corpo,  que ritmo ten Sexto! E que ben o pasan nas aulas de Música!

sábado, 3 de abril de 2021

Prohibido leer a Lewis Carroll

 

Xa estamos metidos de cheo na lectura do seguinte libro do itinerario lector de Sexto, Prohibido leer a Lewis Carroll de Diego Arboleda, con ilustracións de Raúl Sagospe. 

Esta obra foi Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil no 2014, Premio Lazarillo no 2012, Premio White Ravens no 2014, Premio Fundación Cuatrogatos no 2014 e Mejor libro infantil  (de 6 a 12 años) Babelia no 2013.

Estamos ante unha das obras máis premiados da literatura infantil en castelán dos últimos anos, imos descubrir por que tantos premios e ver se estamos de acordo. 😃

venres, 2 de abril de 2021

2 de abril: Día do Libro Infantil

 

 

A Música das Palabras

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.

As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!

As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.

Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.

Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de esperanza.

Escrito por Margarita Engle
Ilustrado por Roger Mello
Traducido por María Canosa

domingo, 28 de marzo de 2021

Circuítos en papel

Este venres traballamos de novo con circuítos sobre papel, usando adhesivo de cobre. Desta vez complicamos un pouco a proposta e cada quen tivo que deseñar e crear o seu propio circuíto, asegurando que funcionaban. Está claro que en Sexto non hai circuíto que se resista, mans á obra e as luces comezaron a alumear. 😎





A cabeza non para! E as tesoiras tampouco 😉





sábado, 13 de marzo de 2021

LER

Elas superaron o reto que a BBS nos propuxo en novembro, completaron o pasaporte de lecturas de escritoras e este venres recibiron o seu agasallo: Adoro LER!

Noraboa, lectoras!


Noraboa, Noa!

Estrela Rosalía

Este venres estivemos a probar os circuítos en papel con adhesivo de cobre, unha das posibilidades de traballar coa electricidade que trouxera ao cole Paola Guimaráns cando estivera en novembro. Desta vez preparamos unha postal con Rosalía e a súa estrela, que alumea o universo a 240 anos luz do noso planeta.

"As estreliñas todas que aló no espazo están, 

sorrindo nos miraban con suave claridade".

As nosas postais alumean para lembrar a importancia de Rosalía para as nosas letras e a nosa cultura.