Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de xuño de 2021

Enreguéifate 2021

 Aquí están os participantes do Enreguéifate 2021!

Participamos dous grupos de Rianxo: 6º do Brea Segade e a Aula de 1º D do Félix Muriel. Lembrádelos? É o grupo co que estivemos o día da nosa visita ao IES Félix Muriel.

Tremenda casualidade!!😁😁

Parabéns, 21 garabullos!!

venres, 28 de maio de 2021

Regueifando

Esta semana rematamos e gravamos a nosa regueifa de despedida. Tan ben quedou que decidimos mandala ao Enreguéifate 😍 O mellor, o ben que o pasamos facéndoa, cantándoa e gravándoa. 

martes, 6 de abril de 2021

Que ritmo!

Xa sexa de pé, sentados/as, bailando, tocando ou facendo percusión co corpo,  que ritmo ten Sexto! E que ben o pasan nas aulas de Música!

sábado, 6 de febreiro de 2021

Saiu o sol!

Este venres saiu o sol, despois de semanas, e puidemos retomar proxectos da Aula de Música, que estaban pendentes do bo tempo, e que incluíron tamén ir darlle unha visita ás cabras e ás melloras nas instalacións onde están.😍




venres, 19 de xuño de 2020

Venres, 19 de xuño

Rematamos a pequena viaxe musical desta semana cunha cantante mexicana, Lila Downs, comprometida coa música e a cultura dos pobos indíxenas americanos. Coa súa música pon en valor e dá a coñecer as culturas autóctonas de América latina e ás veces, como neste tema, denuncia inxusticias e convidanos a construír un mundo mellor. Neste tema colaborou con ela, Juanes, que seguramente algúns coñecedes.

xoves, 18 de xuño de 2020

Xoves, 18 de xuño

Cambiamos de xénero. Hoxe imos comezar o día escoitando música interpretada por orquestras sinfónicas: o tema central da banda sonora de Harry Potter e o 2º movemento da Sinfonía nº 1 de Mahler.



mércores, 17 de xuño de 2020

Mércores, 17 de xuño

Despois do que compartiu con nós Nerea onte, non nos queda outra, hoxe temos que comezar o día escoitando a Queen e botando uns bailes. Don't stop me now, temazo da banda británica, composto a finais da década dos 70.


martes, 16 de xuño de 2020

Martes, 16 de xuño.

Hoxe comezamos escoitando aos Beatles, unha banda inglesa que tedes que coñecer porque son parte fundamental da historia da música moderna. Van 2 vídeos: unha animacion con varios temas seus e parte da súa historia e outro para que os vexades tal e como eran e tal e como era Inglaterra na súa época.



luns, 15 de xuño de 2020

Luns, 15 de xuño

Entramos na conta atrás, esta semana teremos cada día un pouco de música para comezar e despois un xogo, reto, visita virtual... Sen esquecer que agardamos polas vosas presentacións, non vos descoidedes.
Ah! Lembrade tamén as enquisas da BBS.

Aquí vai a primeira proposta musical: One love de Bob Marley interpretada por músicos de diferentes países dentro do proxecto Playing for Change. Música para cambiar o mundo, un bo plan.

mércores, 20 de maio de 2020

As pitas baixo a choiva

As pitas baixo a choiva é un relato de Ricardo Carvalho Calero. A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra en colaboración con Edicións Embora realizou a edición deste relato e un proxecto educativo que inclúe música e actividades para realizar con crianzas.
Entrade neste enlace para ver o conto, as cancións e as actividades. Vanvos gustar!

http://aspitas.gal/

luns, 4 de maio de 2020

Nordés

Nordés de Mercedes Peón e os Diplomáticos de Montealto foi un tema que se estreou no Xabarín Club en 1996, como colaboración destes músicos co programa da TVG, que era o favorito dos nenos e nenas galegos naquela época. Forma parte dun disco de colaboracións de moitos musicos galegos titulado A cantar co Xabarín e tamén do albúm Capetown dos Diplomáticos. Aquí tedes o vídeo que se fixo para o Xabarín Club. 


mércores, 29 de abril de 2020

Día da Danza

Hoxe é o Día Internacional da Danza. Mirade que chulada de vídeo prepararou para celebralo a Asociación de Música e Baile Tradicional Abeloura de Cespón. A ver se coñecedes a alguén 😉



Feliz Día da Danza!

martes, 7 de abril de 2020

Oda ao futbolín

Para futboleiros e futboleiras que estes días botan de menos os partidos do recreo no campo de terra do Brea Segade: Oda ao futbolín, un clásico dos Diplomáticos de Montealto, un grupo de rock que foi moi famoso na década dos 90 e ao que debemos grandes temas da música galega moderna. Esta foi unha canción que compuxeron para o Xabarín Club e que seguro que os vosos pais e nais lembran ben. Ademais de cantar e bailar, investigade se a canción conta a verdade e aproveitade para descubrir quen foi Alexandre de Fisterra.

domingo, 16 de febreiro de 2020

sábado, 1 de febreiro de 2020

Unha tarde vindo do muíño

Así de ben soou o tema co que 5º participou na celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz: Unha tarde vindo do muíño recollido a María Tubío en Chorente. 
Construír a paz é tamén aprender a respectar aos demais e loitar porque nos respecten e porque non se cometan inxustizas á vista nosa.



Parabéns, rapaces e rapazas, pola vosa interpretación deste tema tan fermoso. 😍

domingo, 1 de decembro de 2019

Titorial para cantar as prosas do Nadal



Traballazo de Quinto na Aula de Música!!! 😍 Parabéns!!

Todo en marcha para cantar as prosas do Nadal. Entrade no blog da biblioteca para ver o resto da información.

martes, 26 de novembro de 2019

Nerea na concentración do 25 N en Rianxo

O luns á tarde celebrouse en Rianxo unha concentración contra a violencia machista. Diferentes colectivos e persoas leron manifestos e escritos para expresar o seu rexeitamento ao machismo e á violencia contra as mulleres. Nerea foi unha desas persoas 😍 Leu un texto sobre as festas da Guadalupe que escribiu no seu caderno do feminismo e fíxoo de marabilla. 😍 😍


Aquí tedes unha montaxe co escrito de Nerea. Dália e José Luis puxeron a música. Parabéns aos tres! 
Graciñas, Nerea, polo teu caderno do feminismo. 😘

venres, 22 de novembro de 2019

Cantando contra a Violencia de Xenero

O luns alzaremos a nosa voz contra a violencia machista  no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Hoxe tivemos un ensaio xeral do tema A Porta Violeta, versión en galego dunha canción de Rozalén, que interpretaremos dentro dos actos que realizaremos o luns 25 de novembro. Soou moi ben 😍 Sempre dá gusto escoitar cantar aos nenos e nenas do Brea Segade.





martes, 29 de outubro de 2019

No Samaín



Tempo de Samaín, tempo de cabazas, sustos, medos... e tamén de bailar e cantar co Brinca Vai! de Paco Nogueiras.