xoves, 15 de outubro de 2020

Que é?

 Mirádea ben e dicide: Que é? E onde a atopamos?

Castañas para a landraina

Hoxe achegamos un feixe de castañas ao colector da Landraina de Fousas ao Monte. Aínda pode desparticipar mañá, o sábado farán a "sementeira". Animádevos!






As galletas de Hugo

Hugo estivo cociñando na ponte, seguindo unha das receitas do libro da BBS que levou a semana pasada, Sobremesas, da colección Cociña Infantil e Familiar. 

Mirade que pintaza teñen esas galletas!

Bravo, Hugo, estás feito un reposteiro de primeira!

 

sábado, 10 de outubro de 2020

Mércores na biblioteca

Os mércores temos a biblioteca para nós. Facemos uso dunha parte dos recursos do Espazo Argalleiro, falamos sobre as lecturas que levamos, descubrimos as novidades, cambiamos libros e, para a semana, comezará a colaboración dos que queiran ser axudantes de biblioteca. Só podemos gozar da BBS un día á semana, pero os mércores aproveitámola ao máximo. 







 Ao rematar toca ventilar, hixienizar e deixar os materiais da biblioteca creativa en corentena ata o seguinte mércores, pero paga a pena.

Plástica: a paisaxe

Estamos a traballar sobre a paisaxe e os ecosistemas en varias materias. Este xoves, en Plástica, saímos a debuxar a impresionante paisaxe que se pode ver desde o Brea Segade. A verdade que houbo unhas protagonistas das nosas paisaxes, adiviñades quen? 😁

Aínda estamos en proceso de creación, pero xa se ve que as paisaxes van moi ben.








Landras de Isabela

Isabela xa trouxo landras para colaborar coa Landraína de Fousas ao Monte. Agora temos que animarnos os demais. Aproveitade estes días da ponte para apañar landras e castañas e levalas a Campo Maneiro ou traelas martes e as levamos xunt@s. Se ides na ponte, sacade foto. 😃

Moi ben, Isabela!👌


mércores, 7 de outubro de 2020

O despaís de Gianni Rodari

Este ano celébrase o centenario do nacemento do mestre, escritor e pedagogo Gianni Rodari. Estamos traballando sobre a súa obra, aquí están as nosas achegas ao "despaís" que visitamos nos Contos por teléfono de Gianni Rodari. 

Viva a fantasía! 

venres, 2 de outubro de 2020

Landraina

 

 

A Comunidade de Montes e o colectivo veciñal Fousas ao Monte piden a nosa colaboración para continuar enriquecendo os nosos montes con especies autóctonas.

Animádevos a participar, é moi sinxelo.

- Saíde a andar polo monte e buscade landras. Iso é unha landraina! 😉

- Apañádeas e traédeas a Campo Maneiro, a un colector que está diante do pavillón.

- Tedes ata o 15 de outubro. 

Despois esas landras serán sementadas polos membros de Fousas ao Monte no monte comunal de Taragoña.

Mafalda

Este mércores faleceu Quino, o creador de Mafalda, a nena máis vivaracha, aguda e espelida do mundo da banda deseñada. Descubrir a súa obra nos andeis da BBS será a mellor homenaxe para Quino.

domingo, 27 de setembro de 2020

Autorretratos

Comezamos este curso cun novo complemento imprescindible que nos condiciona, pero que ao que nos temos ir afacendo e que non nos pode impedir ser nós mesmos/as: as máscaras. 

Primeira proposta de Plastica: autorretratos enmascarados, decorados con tres palabras que nos definan e as tres primeiras palabras que nos veñen á cabeza ao pensar no coronavirus. 

Impresionante creatividade enmascarada! 😍

domingo, 20 de setembro de 2020

Na biblio

Este curso iremos á biblioteca os mércores, no recreo, na Hora de Ler e na seguinte sesión. Comezamos esta semana. Hai un protocolo de uso novo, respectando ás precaucións impostas pola pandemia, pero a BBS segue a ofertarnos moitos recursos e actividades. 




sábado, 12 de setembro de 2020

Mil cousas poden pasar

 

Comezamos co primeiro dos títulos do itinerario lector de sexto. Mil cousas poden pasar de Jacobo Fernández Serrano.

Imposible atopar un título máis acaído para o 1º día dun novo curso. 😉

Avante toda, enmascarad@s!

Hai un ano comezamos quinto á voz de: Avante toda! Este curso comezamos sexto enmascarad@s, pero seguimos indo a por todas, che@s de forza, ilusión e ganas. Así que: Avante toda, Sexto!



venres, 11 de setembro de 2020

Comezamos!

 Hoxe, despois de case 6 meses, volvemos ao colexio!

Imos notar moitos cambios, sobre todo un protocolo que temos que coñecer e cumprir, para conseguir un obxectivo fundamental: que esteamos ben e que a nosa escola sexa un  lugar seguro para estar xunt@s, para aprender e para ser felices. 

Este logo, o Corona Buster creado por Pedro Cifuentes, debuxante e profesor de Secundaria, paréceme fantástico para representar a que ten que ser a nosa prioridade este curso: coidarnos, manter a raia ao coronavirus e non permitir que nos amargue o curso.

Comezamos! Mans á obra!

 

martes, 1 de setembro de 2020

Setembro

Hoxe bota a andar un novo curso. Vai ser un curso estraño, pero habemos aproveitalo ben, somos Sexto do Brea Segade! 💪 😀


sábado, 20 de xuño de 2020

Charamuscas 2020

Xa temos a Charamuscas deste curso! Parabéns pola vosa participación rapaces e rapazas.